|
Novas urbanizacións en Espiñeira, Vimieiro e A Pedreira Boiro é neste momento a peza máis codiciada para a instalación de grandes superficies comerciais. Están moi adiantados dous proxectos, Espiñeira e A Pedreira, con evidentes vantaxes: creación de postos de traballo, ingresos económicos por licenzas e impostos, aproveitamentos urbanísticos, entre outros. Fronte a isto está un sector do pequeno comercio que provocou xa a a demisión da directiva da patronal e do seu presidente e que ve nas áreas comerciais o demo e a fin da súa tendiña tradicional. O PP aparca a súa tradicional defensa do liberalismo económico e alíñase cos detractores apuntando recalificacións, pelotazos urbanísticos e a palabra de moda: marbellización de Boiro. Mentres, o ex-alcalde popular promove outra área comercial nos baixos dunha promoción urbanística no centro urbano boirense en Vimieiro, fronte a Jealfer, con 4.900 metros cuadrados de locais comerciais e 625 prazas de aparcadoiro que competiría cos proxectos mentados.
Cos beneficios obtidos da recalificación de Espiñeira o goberno municipal quere visualizar a transparencia da operación creando unha partida orzamentaria propia de investimentos en cada unha das parroquias boirenses, xestionadas polos consellos veciñais como un xeito de redistribuír en todo o concello as achegas desta operación. Do mesmo xeito investiríase outra parte na promoción do comercio tradicional e na peonalización das rúas, no que están a ser as apostas do tripartito boirense pola dinamización do casco urbano e do comercio. No que atinxe ao proxecto da Pedreira, impulsado por EROSKI, supón a cesión ao concello da Torre de Goiáns e parte súa finca, uns 65.000 metros cuadrados nas marxes do río Coroño, unha auténtica xoia patrimonial para goce dos veciños nun futuro paseo fluvial. Goiáns foi no seu día recalificado polo PP para ser urbanizado con vivendas, área comercial e hostaleira. O actual goberno do BNG e PSOE rexeitou sempre ese proxecto, polo que optou por urbanizar a Pedreira para trocar Goiáns por edificabilidade nesa zona e salvagardar o pazo e a finca. O PP de Boiro, así como o membro do goberno, o independente Velo Velo- ultimamente buscando o seu espazo político propio e coa mente postas nas municipais opoñéndose tamén ao plan parcial de Cabo de Cruz- rexeitan a recalificación da Espiñeira e verquen acusacións de pelotazo polas operacións urbanísticas e falan da marbellización de Boiro. Fáciles declaracións para a galería, similares as que sofren no PP de Vilanova e que, ao igual que estas, van ser estudadas polos servizos xurídicos respectivos.
|